3.2. Organización do Partido Galeguista
3.2.1. Notas sobre a Estructura
Organizativa
O tipo de organización adoptado polo P.G.
resposta á necesidade de conxugar dous elementos considerados
imprescindibles: a democracia e a eficacia. Era mester que o P.G. tivese
necesariamente un carácter democrático, continuando nisto a tradición
liberal-democrática que tivo o galeguismo dende 1916, e non por que un
principio categórico así o impuxese, senón polos apremios que dictaba
a necesidade de crear un marco de xogo fluído que fixese posible a
convivencia das heteroxéneas hostes que o constituían, cuestión que
non será mester detallar aquí, posto que xa se trata co necesario
abondamento noutro apartado.
A eficacia do partido non podía menos
que ser un «leit motiv» dunha organización que aspira a ser avangarda
e catalizador da sociedade galega, e si consideramos que para tan
cobizoso empeño non contaba con excesivo número de adherentes nin con
demasiados medios económicos, non nos poderá extrañar que procure un
perfeccionismo organizativo que potencie a súa incidencia.
Nos primeiros estatuos de que se dota o
P.G., o 13 de nadal de 1931, extremadamente sumarios e limitados,
prevalece a flexibilidade e as precaucións, consideradas necesarias
para que ningunha das heteróclitas pezas que van encaixando na
estructura do novo partido se atopen cun corsé estreito e ríxido de máis.
O ultrademocratismo inicial chega ata permiti-la consevación das
denominacións dalgunhas das entidades que conflúen no P.G., e mesmo a
autonomía dos grupos no seu réxime interno, co afán patente de non
ferir susceptibilidades ó transformalas organizacións pre-existentes
que se concitaron para crea-lo novo partido. Esta autonomía interna
manterase sempre, pero as circulares da Segretaría de Organización
vana limitando e menoscabando na práctica. O que non se tolera, xa
dende o principio, é a doble militancia, a non ser coa autorización
expresa do Consello.
Os estatutos definitivos de 1932 serán
xa moito menos cautos e deixarán mellor atados tódolos cabos. Ata 1936
non se sentirá a necesidade de estudiar un novo regulamento interno,
cuestión que plantexará López Durá, habida conta da maior
envergadura do P.G. Advertían que os estatutos eran notoriamente
deficientes na regulación das relacións entre os distintos órganos
directivos, e destes cos Grupos e mais cos xestores municipais e
provinciais. A V Asamblea do P.G. tiña mentes de afrontar esta problemática,
modificando os estatutos, pero non se chegou a celebrar (1).
A preocupación pola mellora
organizativa será constante e case obsesiva. A esta inquedanza non é
alleo Bóveda, partidario como era da estricta disciplina, como xa
deixara patente nos estatutos do «Partido Galeguista de Pontevedra»,
dos que fora autor, que se caracterizan precisamente pola súa
prolixidade e atento estudio dos máis nímios detalles en evitación de
que se crearan valeiros organizativos.
Atopámonos, así pois, cunha constante
preocupación pola reorganización, de xeito que cumpla os seus
virtuales efectos multiplicadores da eficacia.
A organización do P.G. erixese sobre
unha base territorial e non por sectores profesionais ou frentes de
intervención. Trataban de complementar esta fórmula escollida
propiciando a constitución de seccións diversificadas no seo dos
Grupos, segundo os campos, ós que prestarán atención ou estiveran
insertos os militantes. O modelo seguido era o dos partidos
catalanistas. Castelao aspiraba a que o P.G. se asemellase en eficacia
ós partidos cataláns «que son os únicos ben orgaizados de Hespaña
(2).»
Territorialmente o P.G. tentaba de asentarse
sobre a base das entidades de poboación que consideraba características
de Galicia, aínda que non todas tivesen recoñecemento administrativo.
Xa que logo, resultaba unha pirámide escalonada que partía das
parroquias e vilas, seguía polas cidades e comarcas ata chegar ó
supremo ámbito de Galicia. Deste xeito se estructurou o P.G. sen
incorporar ó seu organigrama o nivel provincial. Agora ben, aínda que
non lle deu tempo a levalo a efecto, o Consello Nacional do P.G.
acordou, tras da experiencia das eleccións de febreiro de 1936,
establecer organismos provinciais, condicionado polo feito de seren as
provincias as demarcacións electorais. Non por elo deixan de considerar
arbitraria esa división administrativa e agardaba que unha nova lei
electoral cambiara este orde de cousas (3).
Todo o sistema organizativo desplegado ó
servicio da consecución do seu proxecto político, tiña uns alicerces
notablemente precarios: as cotizacións dos afiliados. Privado de
calquera outra fonte de financiación salvo esporádicos apoios
recibidos en momentos cruciais, como nas eleccións, por exemplo, eran
as cotizacións obrigatorias dos militantes o único co que podían
contar. De tódolos xeitos tardaráse bastante en estipula-la cuantía
exacta da aportación económica, pois nos estatutos aprobados na II
Asamblea o 10, 11 de nadal de 1932, en Santiago, non se precisa, e
soamente se dí que o 15% das cuotas recaudadas por cada Grupo terán de
pasar á caixa xeral do partido. Para enxauga-Ios déficits, producidos
esencialmente polas campañas electorais, recábase dos militantes unha
cuota extraordinaria; así fixeron, por exemplo, nas eleccións de 1933.
Dende febreiro de 1934 desaparece a indefinición. Bóveda, dende a
Segredaría da Orgaización, establece un sistema de selos en tres
modalidades diferentes (0'20 pts., para afiliados a Grupos ubicados na
cidade, 0'15 para os das vilas, e 0'05 para os rurais). Curiosamente a
cotización estaba en relación, non co nivel individual de ingresos,
senón co territorio ó que se pertenecera, sendo menos onerosa nos
medios non urbanos, considerando probablemente a súa debilidade económica
global en termos comparativos.
A principios do 1934 o P.G., e máis
concretamente o inevitable Alexandre Bóveda (4) (non en vano era xefe
de Contabilidade da Delegación de Facenda de Pontevedra), elaborou un
presuposto de gastos e ingresos do P.G., moi preciso e riguroso, que
segundo A.N.T. (5) non tiña ningún outro partido político.
A organización do P.G., segundo os estatutos
aprobados o 13 de Nadal de 1931, constaba de: a Asamblea, o Consello
Executivo, a Segredaría Executiva e os Grupos Galeguistas.
Así, pois, temos que para adherirse ó P.G.
había que ingresar nalgún grupo regular (ou tamén, con
posterioridade, nunha Delegación). Pero había certas excepcións;
algunhas eran meramente nominais, caso do grupo da Coruña que, en
troques de se denominar como tal, mantiña o seu vello nome de Irmandade
da Fala, que lle fora respetado. Máis significación tiña a especial
maneira de incardinárense as Sociedades agrarias no P.G.; nun primeiro
momento o P.G. prefire non afiliar o partido ás sociedades agrarias
que estaban na súa órbita, dado que preconizaba que as diferencias
partidistas non debían desunir ó asociacionismo agrario. Troca de
parecer na II Asamblea, celebrada en nadal de 1932 e daquela permite que
se adscribisen como tales (6), sen necesidade de se incorpora-los seus
membros a un determinado Grupo do partido. Debido ó importante papel
outorgado ás sociedades agrarias, o P.G. cre aconsellable en xaneiro
de 1934 crear unha Secretaría adicada a esas entidades, proxecto que
non leva a cabo endexamais; tres meses despois o Consello Executivo do
P.G. considera a posibilidade da creación dunha sección agraria que
funcionara autonomamente do partido, á que chamarían «Unión (ou
"Misión" non está esto claro no manuscrito) Agraria
Galega (7).» Tampouco isto pasará de ser un proxecto.
Tamén hai algún caso, máis ben raro,
dalgunha entidade, como a «Xuntanza Cultural Barcalesa (8)», que non
soamente era agraria senón tamén cultural, que como tal se incorpora
ó partido obxecto de estudio.
Da mesma maneira, a organización «Ultreya» e
as Mocedades Galeguistas, funcionaban como unha sección autónoma do
partido, ata que se arredan por mor de certas diferencias. Outro tanto
acontece coas filiais do P.G. en América: «Organización Republicana
Nazonalista», e a «Irmandade Galeguista», con sede en Uruguay, que se
afilia ó P.G. en 1934.
3.2.2. Elementos da estructura organizativa
Vexámos agora os distintos niveis orgánicos
do P.G., escomenzando polos organismos de dirección:
A «Asambreia» ordinaria, de periodicidade anual, ou
extraordinaria, que se podía convocar cando as circunstancias
o requerisen, tendo como requisito que máis de 20 Grupos
estiveran de acordo na convocatoria. Era a encargada de definir
soberanamente o programa e as orientaciós políticas e de
renova-lo programa de acción; nela procédese ó exame da
xestión do Consello Executivo, e dos afiliados que ostentan
cargos de representación popular (9). Renóvase o Consello
Executivo e vótanse os candidatos a deputados directamente
polos delegados, sen que o C.E. designe unha comisión de
candidaturas que seleccione ós candidatos que serían logo
ratificados pola Asamblea. Con arreglo a unha orde do día,
presentábanse as ponencias tanto do C.E., como dos Grupos e
afiliados. Formaban a «Asambreia» os representantes de tódolos
Grupos e sociedades afiliadas, xunto co Consello Executivo, que
a diferencia daqueles, tiña voz pero non voto. Cada 25
afiliados podían enviar un representante.
Era un
organismo concebido para que imperase a democracia no seo da organización,
e non sabemos que se producira ningún caso no que un sector,
discrepante ou situado en minoría, cuestionase o seu carácter democrático.
No perfeccionamiento dos estatutos,
feito na II Asamblea, adoptáronse medidas precautorias destinadas a
impedi-Io dirixismo: O Consello Executivo tería a obriga de convoca-la
Asamblea antes de acordar calquera alianza con outros partidos para fins
electorais ou de goberno. Tamén era preceptiva a convocatoria dunha
Asamblea extraordinaria para designar ós candidatos ás Cortes españolas
e, no seu momento, ó Parlamento galego. Os cargos de representación
popular poderían asistir a Asamblea con voz, pero sen voto. Ó cabo,
deputados, conselleiros e concellais estaban incapacitados para
representar a ningún Grupo e para formar parte da Mesa presidencial. O
P.G. celebrou catro asambleas ordinarias e dúas extraordinarias, xusto
antes das eleccións xerais de 1933 e 1936. Estas últimas facíanse máis
reducidas, por non tratar de dar sensación de forza, como nas Asambleas
ordinarias, de xeito que, para evitar esforzos e gastos innecesarios,
recomendaban ós Grupos que en troques de enviar un «persoeiro»
(delegado) por cada 25 afiliados ou fracción, se límitasen,a enviar 1
ou 2 delegados por Grupo (10).
O «Consello Executivo»,
tamén chamado Consello Nacional», inicialmente constaba de 15
membros, renovables na súa metade anualmente, establecéndose
un mecanismo para que ningunha zona territorial quedase sen
representación no Consello.
Tras das reformas que se fan na II Asambreia, pasan a integralo
5 Segretarios: Xeral, de Organización, Técnico, de Propaganda
1 e Político, e un Conselleiro-Delegado (ou Conselleiro de
zona) por cada unha das «Seicións» en que dividen Galicia,
coa misión de servir de enlace entre os Grupos da sección e o
Consello.
A
determinación destas «seicións» faise en cada Asamblea. Estamos,
pois, ante o procedemento de síntese entre o criterio funcional (elixir
persoas para funcións específicas) e o territorial: representantes
elixidos non para realizar tarefas concretas senón para asegura-lo nexo
de unión entre a base e a dirección, o levar bidireccionalmente
información entre ámbolos dous niveis.
Obsérvase tamén como as Segretarías
que fican establecidas basculan cara os temas organizativos (tres
quintos das consellerías) do que se infire cales eran as prioridades do
P.G. nese momento. Logo cambiou, manténdose o número das segretarías
que se ocupan de cuestións organizativas, pois o interés do P.G. por
medrar non soamente non mirraba, senón que medraba ostensiblemente
(conforme deixaba de considerarse partido de minorías para preocuparse
polo incremento numérico) pero aumentando as políticas; xorde así a
de Relacións Internacionais (debido á importante cuestión do recoñecemento
diplomático de Galicia como nación), e o Delegado nas Mocedades (con
rango de Secretario).
As seccións establecidas pola II
Asamblea eran dez en Galicia máis outra na emigración; a saber: A Coruña,
Santiago, Ferrol, Viveiro, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Vigo
e Arbo. No esencial mantéñense na III Asamblea, con pequenas
variantes, así a de Ourense para a chamarse de Ourense-Celanova; engádese
unha undécima para o Barco, habida conta do incremento, con ser cativo
e todo, que experimentara o partido.
Tódolos Conselleiros eran elixidos pola
Asamblea (ata os de sección). Na II e III Asambleas, celebradas
respectivamente en Nadal de 1932 e Xaneiro de 1934, os conselleiros de
zona os elixen na Asamblea, previa reunión e acordo dos Grupos
comprendidos en cada demarcación, e por votación segreta durante a cal
os conselleiros anteriores e deputados tiñan de estar ausentes do salón
(11). Pero non así na IV Asamblea, celebrada en Abril de 1935, onde
semella que son elixidos polos propios Grupos de cada zona, algúns na
propia Asamblea e o resto despois. Os 5 elixidos para funcións específicas
podían ser reelixidos (os de sección non se especifica).
Nos primeiros estatutos otorgábaselle
un papel rector básico ó Consello Executivo (en detrimento, cabe
supor, da Segredaría Executiva) ó ser preceptivo que se reunise unha
vez ó mes, procurando rotar polas cidades galegas. Tras da reforma
estatutaria perde peso específico polo simple feito de que tiñan que
transcorrer tres meses entre as xuntanzas ordinarias do seu pleno, e
isto non cambia demasiado porque se abra a posibilidade de celebrar
xuntanzas extraordinarias cando o soliciten a metade máis un dos
conselleiros.
Para evita-la potenciación excesiva da
«cúpula» impedíase a acumulación de certos cargos de representación
política e dirección do partido; desta sorte os parlamentarios non podían
ser elixidos para o Consello Executivo, inda que se lles otorgaban unhas
certas posibilidades de exerce-Ia súa influencia, ó poderen ter acceso
a el con voz pero sen voto.
Este mesmo mecanismo precautorio arbítrase
a un nivel inferior, ó permitirse a asistencia dos membros do Consello
Executivo ás xuntanzas dos Grupos nos que posúen voz e ostentan a
presidencia, pero carecen de voto. Digamos, ó cabo, que ás veces se
celebraban xuntanzas do Consello Nacional ampliado, asistindo cargos públicos
e representantes do P.G. en diversos organismos (12).
A última instancia directiva era a «Segredaría
Executiva» chamada tamén «Comité Executivo». Consta de catro
membros designados polo Consello Executivo. É, polo tanto, un órgano
de representación delegada e non directa. Agora ben, na práctica, si
é de elección directa, pois pasan a ser automáticamente membros da
Segredaría os Conselleiros elixidos para cargos concretos, a diferencia
dos escollidos en base a criterios de territorialidade; ou polo menos o
Consello sempre elixe a estes. Tiña sistematicamente que render contas
da súa xestión ó Consello Nacional e á «Asambreia».
Dos conselleiros, un tén como cometido
a Propaganda, outro a Organización, un terceiro o Segretario técnico
tiña de estar adicado ás cuestións técnicas de organización
interna, apoiando polo tanto ó de Organización, e asimesmo debía
velar polo asesoramento dos parlamentarios (13) (función inexistente no
segundo bienio). O cuarto, chamado Segredario Xeral, tiña en certo modo
un especial relevo por ostenta-la representación pública do partido,
tendo ademais como misión anexa as relacións coas restantes forzas políticas.
De tódolos xeitos non pasaba de ser un «primus inter pares» en relación
ós restantes membros da Executiva, non tendo un especial mandato
executivo. Desempeñan estes cargos na primeira S.E., Núñez Búa, Bóveda,
Filgueira Valverde e Basanta, respectivamente. Na segunda S.E. engádese
unha nova Segretaría, a Política, que ocupa Núñez Búa; Bóveda pasa
a S. Xeral e desempeña a de Organización Plácido R. Castro; Filgueira
segue de S. Técnico en tanto que a de Propaganda ocúpaa Miguel Rodríguez.
A terceira S.E. consta de sete consellerías, innovándose as de Relacións
Internacionais, que desempeña Plácido R. Castro, e a de Delegado do
P.G. na F.M.G., que ocupa Iglesia Alvariño. Bóveda torna novamente á
S. de Organización, sustituíndoo na S. Xeral, Gómez Román. Sebastián
González despraza a Filgueira na S. Técnica, Castelao aparece como S.
Político e Álvarez Gallego, de Propaganda. Esta composición permanece
inalterable na carta S.E., coa salvedade da Delegación do P.G. na
F.M.G. que desaparece.
Nun primeiro momento está previsto que
o organismo que dirixa ó partido na práctica sexa o Consello
Executivo, que se tiña que reunir mensualmente como xa indicamos, tendo
a Segredaría Executiva un cometido meramente técnico, non especificándose
a periodicidade das súas reunións.
Tras da reforma da II Asamblea quérese
que sexa o organismo de dirección máis reducido o que goberne na práctica,
polo que convirten en trimestrais as xuntanzas do órgano rector máis
amplo (o Consello Executivo), e establecen que teña de reunirse a
Segretaría mensualmente por imperativo expreso, ou mesmo con menor
frecuencia, en xunta extraordinaria cando o estimasen conveniente a
metade máis un dos Conselleiros. Abonda tamén nesta interpretación o
feito de que se cree unha nova segretaría, nada menos que a de Política,
o que é ben ilustrativo da primacía que se lle outorga. Hai que
colexir que a base do P. G. consideraba que existían suficientes
resortes que garantizaban a democrácia polo que non entrañaba grave
risco que unha instancia tan reducida como a Segredaría fose na práctica
quen dirixira, e que pagaba a pena en aras de superior eficacia e
axilidade na dirección do colectivo. Xa que logo, entendemos que non se
pode interpretar como unha mostra de «oligarquización interna».
Nun nivel organizativo inferior témo-los
«Grupos», órganos que encadran a base militante do partido. Por certo
que non eran especialmente espartanas as exixencias militantes, xa que fóra
das naturais obrigas de cotizar, asistir ás xuntanzas, aterse á liña
política e difundir nalgunha medida o ideario galeguista, non obrigaban
a un especial activismo. Para a creación dun Grupo requeríanse máis
de dez afiliados. Tiñan autonomía no seu réxime interno e no medio
rural funcionaban grupos parroquiais, que ó adaptárense a esta
demarcación natural adecuaban a súa práctica organizativa ó recoñecemento
programático da persoalidade da parroquia; cando nunha parroquia non
había afiliados suficientes para formar un grupoconstituían unha Delegación que dependía do Grupo máis próximo.
Os grupos elixían democraticamente
tanto o Conselleiro de zona, que os representa no Consello Executivo,
como a súa propia directiva, que tiña que estar composta por un
Presidente, un Secretario (e sendos vices), un tesoureiro e varios
vocais.
A directiva do Grupo (á que se denomina
Xunta Executiva ou Comité Executivo) debíase xuntar semanalmente, inda
que se tardou bastante en establecer esta periodicidade, saíndo da
inicial indefinición que deixaba esta importante cuestión ó arbitrio
de cada grupo. Esta mesma liberalidade afectaba ás reunións plenarias
do Grupo, ata que en 1934 estableceuse unha xuntanza trimestral (14),
por mor de que se estudiara a orde do día a tratar na xuntanza
trimestral do Consello Executivo da maneira que se acordaran propostas
que debería formula-lo Conselleiro de Sección; todo elo non debía ser
naturalmente óbice para que se trataran tamén os asuntos que afectaban
á sección.
A estructuración interna do Grupo é
perfectamente ilustrativa de cales eran as esferas de interés do
partido, e mesmo tamén do tipo tan especial de partido que é o que
estamos a estudiar. Debíanse constituir obrigatoriamente, en canto o número
de afiliados ó permitise, as «Seicións» de:
1. Cultura e Arte galega.
2. Economía, Agraria e Social.
3. Política e Propaganda.
Cada «Seición» tiña de elixir un
presidente, un segretario e tres vocais, sendo o seu presidente vocal
nato na Xunta Executiva do Grupo. Estas seccións debían celebrar
xuntanzas semanais (15). Claro que unha cousa debía se-la teoría e
outra a práctica, rexistrándose nisto considerables irregularidades;
deste xeito, había Grupos perfectamente acoplados a este esquema, e
outros que tiñan un xeito de funcionamento totalmente informal, sen
reunións regulamentarias e coordinándose primordialmente en base a
contactos amistosos. Exemplo desto último era o Grupo de Ourense (16).
En periodo de eleccións cada Grupo elixía
un Comité Electoral. Poucos meses despois, concretamente en setembro de
1934 (17), o Segredario Xeral do P.G. recomenda que as directivas dos
grupos fagan un plan de actividade de orde cultural, propagandístico,etc.,
e exhorta a que en función del se creasen comisións no seo dos Grupos
(hai que supoñer que entrecruzándose coas Seccións das que acabamos
de falar) de prensa, escolar, de festas, electoral, etc., nas que se
integren os galeguistas segundo as súas preferencias.
|